POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

4 de dec. de 2013

CIRCULAR INFORMATIVA 5 - 13/14

RESUMO DA ASEMBLEA

Comezamos a Asemblea en segunda convocatoria ás 19:30 hs. Fora un frío que pelaba. Dentro xuntámonos as que quixemos/puidemos estar para tratar os puntos que tiñamos previstos.
Lemos de viva voz, debatemos intensamente e aprobamos un regulamento electoral en base ao proxecto inicial.
Lemos, debatemos e aprobamos o RRI dos servizos, con algunha pequena modificación sobre o texto inicial.
Lemos, comentamos e aprobamos o Convenio co CCA.
E logo pasamos a rogos e preguntas.
Cando saímos, sobre as 22:30 hs facía tanto frío como ao entrar, pero xa non o notabamos tanto.

Carta aos Reis Magos

Xuntamos á circular unha carta das nenas e nenos que asisten aos servizos, para os Reis Magos, xa sabedes....

Se queredes, podedes engadir nunha nota ao marxe, para que as SS MM o teñan claro, que todos os xoguetes que pensen deixar terán que deixalos nunha caixa ou bolsa sen marcas, sen chumbo, para que só Superman poda ver o seu contido sen abrilas....

E isto antes do reinicio das clases, que é o 9 de xaneiro xoves. Ese día pola maña, ás 7:00 hs zulu, as nenas e nenos que empecen a chegar aos primeiros servizos, poderán comezar a abrir as caixas/bolsas e colocar o que veña nelas nos espazos dispoñibles.
Día de Reis 2, ao que estades invitadas/os se podedes librar das vosas respectivas ocupacións, pois tamén o gozaredes. O día anterior, as voluntarias e os voluntarios, estarán polo serán colaborando no mesmo sitio.

“TI SI QUE VALES”

(2ª Edición)

Despois do éxito da festa de Nadal do curso pasado co “Ti Si Que Vales” imos celebrar este ano unha segunda edición.

Do mesmo xeito que o ano pasado o obxectivo desta festa non é ser o mellor, senón pasar un momento agradábel coa familia e mostrar a todo o mundo o moito que apoiamos aos nosos pequenos.

Todos os participantes deben preparar coas súas nais, pais, tías, tíos, curmáns, primas, irmás, irmáns, avós, avoas, padriños, madriñas.... un espectáculo co que gozar tanto ao preparalo como no momento da GRAN actuación. 

Igual que o ano pasado pódense presentar magos, cómicos, bailaríns ou innovar con domadores de pulgas, clowns, acróbatas, malabaristas e o que vos preste.

Recordamos que non é necesario ser un profesional, o importante é gozar co momento.
O GRAN evento terá lugar nas instalacións do comedor o venres 20 de decembro a partir das 16:15 hs

A forma de inscribirse é igual de sinxela que na primeira edición, comunicar a encargada dos servizos o interese por participar e cantos seredes no espectáculo antes do venres 13 de decembro.

Damos as grazas de antemán a todos por participar e animámosvos a perder a vergoña por un día.

Información Xeral

A Deputación ingresounos o importe das axudas para o proxecto Comunidade.

Na data de hoxe seguimos sen ter noticias do pago das axudas por parte da Consellería, presentada a xustificación requirida en tempo e prazo.

O Concello presentounos o borrador do novo convenio para a xestión dos servizos, a nós e ao resto das Anpas claro, coa indicación verbal de que conservará as mesmas condicións económicas que nos dous cursos anteriores. Pendente de aceptar e asinar.

Convocaremos unha nova Asemblea Xeral Extraordinaria en xaneiro/febreiro do 14, coa intención de tratar a convocatoria do proceso electoral, a cuestión da contratación da xestión administrativa, o concurso para a nova imaxe da Asociación e o que xurda.


Dado que a admisión de socias é algo que é posible solicitar en calquera momento do curso e que debe producirse en reunión ordinaria da XD, para que calquera poida prever con tempo a presentación da súa solicitude, a partir de agora haberá unha reunión ordinaria o último luns lectivo de cada mes, no mesmo horario de atención. En decembro do 13 será o 16. En xaneiro do 14, o 27....

5 comentarios:

  1. Hola. Quedan prazas vacantes para o servizo de comedor?? E que me concederon axuda, pero o dia que fun a anpa a preguntar non habia prazas. Queda algunha libre? Se non é asi a xente que necesita o.servicio a quen a cude? Gracias.

    ResponderEliminar
  2. Xa non respondedes as dúbidas? Teño q ir en persoa para saber iso, e q traballo de tardes e teria q pedir pa ir un luns. E q en educacion dxeron q era a anpa a q xestionaba o comedor. Gracias

    ResponderEliminar
  3. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com ou abre un tema no foro TRIBO http://tribopdb.blogspot.com.es/

    ResponderEliminar
  4. Moitas grazas pola información. Non tiña nin idea do dos anónimos.Son Marta Canedo Pallas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Marta. Grazas. Sabemos que non é moi habitual, pero como xa dixemos máis unha vez, gústanos saber con que falamos. E gústanos facernos responsables do que dicimos. Pedimos o mesmo de quen queira “conversa”.
      O como da pregunta e o porque/para que da pregunta precisan dunha resposta máis en detalle. Imos abrir un par de temas en TRIBO sobre ela.
      Saúdos,
      XD

      Eliminar

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan