POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

22 de xuño de 2014

ADMISIÓN DE FAMILIAS SOCIAS - INSCRICIÓN DE USUARIOS - CURSO 14/15

O proceso de admisión de familias socias para o curso 2014/15, iniciarase o 1 de xullo de 2014, día a partir do cal calquera nai, pai ou titor legal dun menor escolarizado ou admitido para dito curso no CEIP Ponte dos Brozos, poderá acceder á documentación para a solicitude no blogue ou no pavillón administrativo do CEIP (aberto durante o mes de xullo). Tamén estaremos os luns de xullo pola maña de 10 a 11:30 hs no local social. A documentación pódese facer chegar á ANPA por correo postal ou electrónico. E tamén na caixa de correo de madeira que estará no pavillón administrativo durante o mes de xullo e no local de Educación na rúa Ría de Noia, en agosto.

A inscrición nos servizos de conciliación (almorzo, gardería, xantar, ludoteca, merenda e cambiadores) para o curso 2014/15, iniciarase tamén o 1 de xullo de 2014 e rematará, en primeira instancia o 31 de agosto de 2014. E condición indispensable para a inscrición ter solicitada tamén a admisión como familia socia. A documentación informativa e os impresos para a solicitude de inscrición estarán a disposición tamén a partir do 1 de xullo tanto no blogue como no pavillón administrativo do CEIP en xullo e no local de Educación en agosto. 

É imprescindible que a documentación requirida se faga chegar á ANPA antes do 31 de agosto de 2014. Tamén facer os pagos correspondentess antes de dita data. O xoves 4 de setembro a XD da Asociación reunirase para a admisión de familias socias e usuarios dos servizos de conciliación.

Non serán consideradas para o proceso de admisión solicitudes que non aporten toda a documentación requirida, Para a admisión de familias socias intentarase a comunicación para a rectificación de documentación.

En ningún caso se estudarán solicitudes de usuarios que manteñan débedas de cursos anteriores (con esta ou con outra ANPA). A listaxe provisional de usuarios admitidos será publicada no taboleiro de anuncios e no blogue. Tamén será trasladada á dirección do centro e ao departamento de Educación en relación coas axudas para conciliación.
Todas as solicitudes rexeitadas quedarán pendentes de rectificación ate a seguinte reunión da XD, o luns 8 de setembro. As clases e xa que logo os servizos de conciliación comezarán previsiblemente* o 10 de setembro mércores.
A encargada dos servizos de conciliación disporá dunha listaxe de nenos/as admitidos/as. En ningún caso se aceptarán nos servizos, usuarios/as que non figuren en dita listaxe. No caso de presentarse algún neno ou nena para o uso dos servizos sen ter acreditada a inscrición, será derivado/a á dirección do centro ou á autoridade administrativa pertinente.

Por acordo do Consello Escolar, e respectando a lexislación vixente, o máximo de prazas admisibles para o xantar cífrase en 282. Todas as familias socias son posibles usuarias de calquera servizo. Neste sentido, solicitamos das familias que sexan específicos na indicación de uso para este servizo, atendendo ao explicitado na ficha de inscrición. Contabilizaremos cada usuario indicado con M como unha unidade, e os indicados como DC e DS, como 1/2 e 1/5 respectivamente, salvo que a propia familia explicite os períodos concretos nos que serán usuarias/os. Unha vez cheguemos con este cálculo a cifra máxima, todas as novas inscricións para este servizo pasarán a lista de agarda. Non solicitar este servizo na ficha de inscrición supón a renuncia ao seu uso. A modificación desta cuestión pódese realizar posteriormente durante o curso atendendo ás condicións de inscrición xerais e sempre e cando sigan existindo prazas dispoñibles. En sentido inverso, unha inscrición para este servizo que non sexa efectiva en uso, será penalizada co importe dun mes enteiro, medio mes ou 1/5 de mes na seguinte remesa.

A lista de agarda onde se irán inscribindo as solicitudes pendentes, que segundo poidan ser aceptadas, irase actualizando, estará ordeada pola data de valor do ingreso das cotas de socio e de seguro (e fianza no seu caso) tal e como figuren na información bancaria.

Tanto para a admisión de usuarios como para a lista de agarda, se terán en conta os seguintes criterios e na orde citada:

  1. Os socios no curso 13-14.
  2. Os usuarios no curso 13-14. (Cambiadores non incluído).
  3. Os usuarios do servizo de xantar no curso 13-14.
  4. Os usuarios con unha irmá ou irmán inscritos no mesmo servizo.
  5. A indicación de necesidade especial feita por escrito polo departamento de Educación ou polo de Servizos Sociais do Concello, e sempre a título individual.
  6. A petición expresa do Consello Escolar, feita por escrito, e sempre a título individual.


As condicións económicas para o curso 14/15: cota de socio anual (curso) 15 euros. Seguro 5 euros (curso) por neno/a e 100 euros de fianza por neno/a inscrito por primeira vez nos servizos (salvo cambiadores). No díptico informativo figura a tarifa diaria e os máximos mensuais para cada servizo.


*Na data de publicación desta información ainda non foi publicada no DOGA a orde relativa ao calendario escolar para o curso 14/15.

2 comentarios:

  1. se xa eres socia e simplemente queres renovar para este ano que trámites tes que facer (só para ser socia sen ningún servizo a maiores) Ademais este novo curso empézame outro fillo no colexio, o carnet de socio e para toda a familia ou teño que facer outro ?

    ResponderEliminar
  2. Publicouse un tema no foro de TRIBO onde se fai un pequeno resumo:

    http://tribo.1104570.n5.nabble.com/Inscricion-2014-2015-td197.html#a199

    ResponderEliminar

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan