POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

UN INFORME


Cada día enfrontámonos a decisións, escollemos actuar nun ou noutro sentido. En determinadas cuestións, sobre todo no eido da realidade cotián, que normalmente está chea de accións repetidas e automáticas –logo temos dejavus a eito- a escolla prodúcese substancialmente en base á memoria, traducida en experiencia. Mesturas o café e o leite antes de metelo no micro, cascas o ovo antes de fritilo, remollas o corpo na ducha antes de pórlle xabrón, etc. En boa medida ten que ver coas leis da Física e da Química, que impoñen o seu mandato.
Se imos un pouco máis aló, escollemos, dentro do que cada vez menos nos deixa o emperador Zar-a, que poñer enriba para saír da casa ou para quedar nela, sen contar cos que adoitamos andar espidos permanentemente nela, ben deita o chan radiante a 24 graos.
Seguro que aforraríamos tempo e posiblemente cartos, facéndoo ao estilo Einstein, pero se como opción persoal e perfectamente aceptable, uniformar por decreto, en calquera eido, coido que vai en contra da simple diversidade natural.
Os paxaros da mesma especie teñen todos as mesmas cores de plumaxe – vale, máis ou menos- por diferenciarse doutros. E para recoñecerse entre eles e non se confundir cando toca reproducirse. Isto concluíno de que non hai aguias carpinteiros, nin pingüinopatos. Non falemos do imposible oso formigueiro. Pero sobre todo son así e non doutro xeito, porque a evolución dixo que era o correcto, que era como tiñan que ser para perdurar no tempo.
Pero imos ao dos humanos. Ben deita que os uniformes teñen a súa utilidade para moitas cousas. A parte de que te poidan poñer ou non, está claro que a Garda Civil verde moito sen uniforme, perdón, perde. Nos hospitais sabes a quen lle podes falar en galego e a quen non por como van vestidos. E os xuíces e letrados, que non sei porque lles chaman así, digo eu que os outros tamén serán con letras, non os imaxinades de fucsia, va que non?.
Para papas e mamas, para ensinantes tamén, un mandilón ten unha utilidade moi ben pensada para non enzoufar moito a roupa, e se é ben rechamante, serve ata para localización por satélite. Quen foi o que escólleo os deseños, é unha desas preguntas que todos nos facemos, pero andou atinado. E cando vivimos nun concello superpoboado infantilmente – comparando co resto do país digo- a variedade axuda tamén nas entradas e saídas para saber onde lle toca a cada un a simple vista.
Pero a partir de garderías e educación infantil, non vexo eu o dos mandilóns. Digo máis, dáme que xa os de ESO habíanse de resistir. O de uniformar ao resto?. Imos ver. Hai pouco, unha nai repetiu a idea de instaurar un uniforme para o colexio. Repetiu, non por que leve anos insistindo niso, senón porque e unha cuestión que rexurde periodicamente. Descartado que sexa por orgullo de pertencer a un colexio público excepcional – si, o é en moitos sentidos-, penso que vai por simple comodidade. Non ter que romper a cabeza para escoller o que se ten que poñer o cativo/a cada maña. E evitar segundo vai aumentando a talla, a discusión sobre moda, cousas que acaen ben ou non, o que leva Luisa, ou a marca de quenda. Compras ao principio do curso tres ou catro conxuntos, contando coas medras, dobras nos pantalóns, e nada de secadora que encolle, e listo. Sendo así, para que necesitamos uniforme?. Igual podo facelo pola miña conta. Mércolle 5 pantalóns, camisas e xerseis iguais que me gusten, e teño un para cada día. Ou é para que non haxa diferencias na aparencia de uns e outros, nacionais ou importados, podentes ou non podentes, católicos ou musulmáns, brancos e negros?. Quitando o dos podentes, coido que todos os demais imos mercar a roupa aos mesmos sitios, e poñemos o que se lle canta ao emperador de aquí ou ao de acolá, así que non se vai notar moito.
Como non se me ocorre outra posible razón, vou rematar divagando un pouquiño máis.
Seguro que non estaba na mente desta nai citada, pero hai que lembrar que a tendencia neoliberal que agora está no seu apoxeo ideolóxico, no eido do ensino fala de igualdade xustamente en termos de uniformidade. O que se busca non é igualar as oportunidades para facilitar o transvase entre clases, xa non digamos a superación do establisment, senón propoñer un único modelo de pensamento estándar baseado no cumprimento de normas sen valor e na ausencia de análise crítico. Persoalmente, estou máis pola diversidade cultural, étnica, incluso relixiosa e sobre todo de pensamento, onde a función do ensino non é uniformar senón sementar a transgresión, non é repetir senón inventar novos camiños, non é obrigar a asumir as normas senón provocar a toma de responsabilidades. Gústame ser diferente dos demais, individual e colectivamente. Non vexo nada divertido en seren todos iguais. E quixera que meus fillos vivirán nun mundo onde se valorase máis a imaxinación que o poder.
E vos que pensades?. Sodes máis de Einstein ou máis da Garda Civil. Pero que maliño son. Que conste que teño máis dun coñecido/a no corpo. Pero cuánticamente gustaríame máis millón de veces ter coñecido a Albert.
Xainín

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan