POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

21 de maio de 2012

CARTAS Á PRESIDENCIA

A MAIOR PARTE DAS VECES (2ª parte)

Desta loita persoal diaria na que sigo e seguirei por moito tempo, saquei algunhas conclusións que me gustaría compartir:

  • A formación: Non hai nada que non requira práctica e aprendizaxe. Un bo médico, por exemplo, é o que escoita ós seus pacientes, estuda diariamente o que se publica da súa especialidade, acude a congresos nos que debate con compañeiros de profesión, e considera en cada caso concreto que ten que diagnosticar todo o aprendido desde a óptica do seu propio criterio, usando a súa experiencia e creatividade para buscar a cura; si non fai todo isto, será médico, pero non un bo médico. Da mesma forma debe actuar un pai para non quedarse só en pai e chegar a ser un bo pai. 
  • O exemplo: A mellor maneira de mostrar como se fan as cousas é facéndoas. Se quero que o meu fillo lea libros, teño que ler libros; se quero que o meu fillo teña curiosidade, teño que ser curiosa; se quero que busque información sobre o que lle interesa, teño que ensinarlle como eu busco información sobre o que me interesa; se quero que resolva os seus problemas con enxeño e creatividade, teño que deixar que vexa que eu o fago así… 
  • A decisión, o respecto e a asertividade: Para conseguir grandes ou pequenos logros non sirve queixarse e esperar que alguén me solucione a papeleta, teño que decidir que é o que quero, buscar a maneira de conseguilo e facelo sempre respectando a todo aquel que se interpoña no meu camiño, pero deixando sempre ben claro a onde quero chegar. Para min é realmente difícil non esixir o que quero dunha forma lesiva para as emocións dos demais, é unha desas cousas que aprendín sen querer e que se me pegou de tal forma que parece que é parte de min, pero o certo é que cando consigo conservar a calma e usar o ton adecuado, as palabras máxicas (por favor, gracias, en canto poidas…,etc.) e un sorriso real, a vida paréceme moito máis doada.

Pero hai unha última conclusión, que máis ben é unha íntima convicción; a convicción de que salvo casos que se poidan considerar como patoloxías psicolóxicas clínicas, a todos os pais nos interesa criar e educar ós nosos fillos da mellor forma posible. O problema é que na sociedade na que nos tocou vivir a educación recibida e transmitida de pais a fillos durante xeracións, anulou case que por completo os nosos instintos e modificou de tal maneira o noso sentido común, que lles facemos ós nosos fillos cousas que sabemos que están mal, só porque temos a falsa seguridade de que é o mellor para eles; seguridade que nos ven  de esa errónea educación recibida que permanece no noso subconsciente e que se non conseguimos sacar ó consciente seguiremos perpetrando durante moitos séculos máis, si antes non acabamos destruíndo o medio ambiente ata facer imposible a supervivencia. 

Creo firmemente que todos os pais e nais sans do mundo reúnen as condicións necesarias para ser Licenciados en Paternidade e Maternidade, e ademais creo que non hai ningún educador máis axeitado para os seus propios fillos porque ninguén o vai facer con máis amor e máis interese. Pero para iso é necesario escoitalos a eles, coñecelos, respectalos, coñecerse a un mesmo, formarse e buscar continuamente formas diferentes de facer as cousas sen ir en contra do que sabemos que está ben. Pode que sexa difícil atopar o tempo para ler, asistir a cursos, charlas, debates… Pero é necesario ter en consideración moitos puntos de vista distintos para conseguir ter un criterio axeitado, é imprescindible formarse para levar a cabo o labor máis importante que imos realizar na vida a maioría de nos, que é criar ós nosos fillos. E podémolo facer só con convicción, e sendo conscientes de que non estamos sós, que pais somos moitos. Os pais témoslle que ensinar ós gobernantes por onde teñen que ir as políticas que teñen que deseñar, e temos que ensinarllo demostrando como se teñen que facer as cousas ben. 

Non podemos esperar que sexan os gobernantes os que nos digan como educar ós nosos fillos.
Eu dende logo, vou seguir aprendendo e buscando outros pais que compartan a mesma inquietude. E estou segura de que máis cedo ou máis tarde deixarei de sentir que somos bichos raros, porque seremos tantos, que xa seremos os normais.

Ángeles Porteiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan