POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

10/01/2013

CIRCULAR 5 - 2012/13


CIRCULAR INFORMATIVA 5 - 2012/13

10/01/2013

Parabéns. Bo traballo

O CEIP PONTE DOS BROZOS 1º PREMIO DO MINISTERIO DE EDUCACIÓN, CULTURA E DEPORTE PARA COMPENSACIÓN DO ALUMNADO QUE SE ATOPA EN ENTORNOS SOCIAIS DESFAVORABLES

Un traballo exhaustivo e innovador sobre o uso de iPads para adquisición da lingua con alumnado inmigrante faino merecedor do 1º premio.
A aula do Grupo Adquisición da Lingua (GAL) integrado no PROXECTO PONTE DOS BROZOS e levado a cabo pola mestra Laura Rodríguez Calderón do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, foi recoñecido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, como merecedor do 1º premio de compensación do alumnado que se atopa en entornos sociais desfavorables, tal e como se publica no BOE do 20/12/2012.

O Proxecto Ponte dos Brozos comezou a súa andaina hai xa dez anos grazas á iniciativa da FUNDACIÓN AMANCIO ORTEGA, continuado polo CONCELLO DE ARTEIXO e hoxe en día os seus proxectos, experimentación e posta en práctica de innovación educativa están a dar os seus froitos.
Neste caso a experiencia leva a alumnado estranxeiro a adquirir a lingua a través do uso de iPads na aula de Grupo de Adquisición de Linguas.
De novo volve a impoñerse a importancia do uso das novas tecnoloxías na práctica docente diaria, tal e como se está a levar a cabo neste centro educativo pioneiro, no Proxecto Ponte dos Brozos.


Tempo de Nadal


Santa e os Reis non se portaron mal de todo. O Concello ingresou a última parte do importe do convenio para o financiamento do comedor para o curso 2011/12 logo de ter presentada a xustificación por parte da Anpa. E fomos convocados para a sinatura do novo convenio para o curso actual, nas mesmas condicións que o anterior.
E a Xunta de Galicia ingresou tamén a axuda correspondente para o curso 2011/12. Agora agardemos que haxa convocatoria para o curso actual. Máis info na próxima Asemblea.

E agora,

Falemos de conciliación


Todos repetimos e falamos dos servizos como o que a Anpa xestiona neste colexio ou os que organiza o Concello para os períodos nos que non hai clase. Sexa por economía de linguaxe, por ese gusto que temos de poñerlle etiquetas a todo ou por simple perversión das palabras, todo acaban sendo servizos de conciliación da vida familiar e laboral. Pero en realidade a conciliación non é ofrecer solucións empresariais para poder ter a nenas e nenos a bo recado mentres nais e pais teñen que seguir atendendo con prioridade ás súas fontes de ingresos. Sei que nos tempos críticos que padecemos ninguén pensa en asumir o que realmente significaría conciliar, cando menos dende os poderes públicos, pero non deberíamos perder o norte. Conciliar é ofrecer a nais e pais a posibilidade de seguir percibindo os mesmos ou similares emolumentos recortando o seu tempo de traballo en función de poder gozar do continuo proceso de evolución dos membros menores da súa familia e ter nesa medida a capacidade de participar como actor principal na creación colectiva dunha personalidade nacente.

Pero nada está pensado para iso. Mesmo o sistema educativo institucionalizado por pura inercia institucional pasa a ser máis un servizo de coidadores matinal ou a xornada partida que un espazo de crecemento creativo individual e colectivo. E iso contra o moi maioritario bo facer dos profesionais do ensino. A seguinte volta de fuso que a lomce nos quere impoñer se non o evitamos, vai afondar máis esa inercia. Imos fabricar máis traballadores submisos para a máquina.

Tendo en conta esta formulación, os servizos que xestionamos dende a Anpa entran dentro desa mal usada definición. E o facemos totalmente conscientes de a quen lle debería corresponder asumilos. Pois falemos deles. Hai poucos colexios que desenvolvan tantos e tan diversos. O do xantar é a estrela da coroa por vox populi, grazas fundamentalmente á dedicación do persoal de cociña que traballa acotío niso. Pero tamén, e isto inclúe todos os demais, o resto dos servizos, principalmente pola mesma razón. Isto non quita que se poida mellorar. Descontando as cousas nas que non podemos intervir ou que terían un custo imposible de aceptar para a Asociación (reformas estruturais, adquisición de mobiliario, atención social,...) continuamente traballamos co equipo de monitoras e monitores para ir corrixindo cousas se é necesario. O seu traballo require dun sorriso emocional que non sempre e doado de manter. Unha das monitoras máis veteranas comentou nunha desas reunións que non entendera o que argumentaban as mestras falando da cantidade de nenos aos que atendían todos os días como un factor de acumulación de estres, ate que comezou a traballar nisto. Dado que nos últimos tempos soubemos de incidencias de trato no servizo, parécenos importante subliñar un par de cuestións.

1. Se calquera de vos ten algo que comentar sobre o funcionamento dos servizos, falade cos responsables de xestión, que somos mentres non se diga o contrario os que puxeches na XD cos vosos votos na Asemblea. Evitade  os comentarios directos co persoal, con todo o persoal, salvo para aquelas cuestións que o requiran por urxencia ou inmediatez. Aforraremos latricadas.

2. Compartamos unha idea. Autoritarismo e autoridade non son o mesmo. O primeiro se impón a forza, física ou de calquera outro tipo. O segundo se gaña, con tempo, coherencia e traballo colectivo. Pensade en quen ten esa calidade para vos como adultos. Para as nenas e nenos o mesmo. Outra razón máis para evitar facer determinados comentarios diante deles. As monitoras igual que os mestres teñen que gañarse esa autoridade, non lles ven por que si, pero non o farán sen a nosa axuda.

E falando de conceptos educativos. Cando máis dunha vez falamos de que a Educación é revolucionaria, mellor evolucionaria, o facemos porque percibimos en moitas nais e pais que por unha ou outra razón tiveron que mergullarse no sistema educativo un pouco máis aló da superficie, salvo raras excepcións, o primeiro que descubriron foi que antes ou ao mesmo tempo de pensar en axudar aos seus fillos ou fillas tiñan que facelo consigo mesmos. Porque nunca se deixa de aprender e se renunciamos a elo acabamos sendo o que non queremos ser senón o que nos din directa ou solapadamente que é convinte que sexamos.

Por iso imos comezar, recuperando unha liña de traballo coa que xa se traballou noutros tempos, unhas sesións quincenais de actividades para nais e pais, os martes onde se vai falar de cousas como estas. Jacobo e Eduardo, aos que xa coñecemos, serán os mestres de cerimonias, pero seremos os asistentes os que nos divertiremos traballando sobre diversos eidos durante unha hora e media como moito. Non hai un programa secuencial, partindo de que aprender é un proceso no seu conxunto. Non ides atopar aspirinas para quitar unha doenza puntual, máis ben vai ser medicina preventiva con receitas naturais. Comezaremos o día 15 de xaneiro, con algo especial, e teredes información máis detallada da convocatoria antes desa data. Nais, pais e outros titores legais, mestres e mestras, estades invitados a participar. Tamén policías municipais, odontólogos, tendeiros, entrenadores orixinarios de Portugal, presidentes, conselleiros, ex-lexionarios, e calquera que pase por ali. Todos temos parte en educación.

A continuación,


2º curso de iniciación ás Tics e 1º curso de nivel medio en Tics.
Proximamente nas súas pantallas.

Saúdos,
XD

1 comentario:

  1. Vaia.. non sei porque razon me chegaban estos avisos dos novos post do blog a carpeta basura.. e perdinme esto.Menos mal que hoxe antes de vaciar esta carpeta revisei todo
    ENHORABOA!!! como se suele decir, o traballo ben feito sempre (ou case sempre) vese recompensado..
    E bueno.. o da conciliacion.. digamos que e complicado.. , si, sobre todo respecto os empresarios, como din alguns, "non e o meu problema que teñas fillos.. " e ante eso.. un queda, atonito e con ganas de decir poucas cousas.

    ResponderEliminar

Se tes algo que dicir, aproveita.
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com ou abre un tema no foro TRIBO http://tribopdb.blogspot.com.es/
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan

Síguenos por correo-e

CAMBIADORES

CAMBIADORES