POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

29 de xan. de 2013

CIRCULAR INFORMATIVA 6 - 2012/13


Cambio de horario

Sen asustarse. Na última reunión da XD, o 21 de xaneiro, valoramos entre outras cousas que os luns de atención ao socio están sendo un éxito total, para os que estamos a tarde alí, que aproveitamos para ir adiantando traballo. Pero como houbo días que non tivemos nin unha visita de socioas, pois decidimos reducir o horario. De agora en diante, vai ser de 17 a 19 hs, e seguirá sendo os luns lectivos.

Sesións Comunidade Educativa

Jacobo e Eduardo, cos que algúns xa compartimos tempo grazas a iniciativa de O Noso Tempo, estarán xunto a nos para poder ofrecer visións alternativas e sempre refrescantes sobre o que facemos e deixamos de facer no eido da educación nas familias. Os martes lectivos, en semanas alternas, comezando xa o 29/01, na aula 3010 no pavillón 3, no mesmo corredor onde está o local da Anpa.

En que imos traballar con eles?, pois en competencias básicas para a resolución de conflitos, coñecementos e competencias en intelixencias, especificamente en Intelixencia emocional, transversalidade do concepto de Educación, formación multidimensional, e o que se presente co paso dos días. Esta actividade está aberta a nais e pais de todo o colexio, pensada para un grupo de 25 persoas máximo, e se desenvolverá coa periodicidade indicada ate o mes de maio inclusive. Este primeiro martes de xaneiro, imos comezar falando de afectividade e sexualidade, con teoría e práctica. Dende ás 18:30 hs ate as 20 hs. Haberá no comedor un servizo de atención lúdica para os nenos e nenas dos participantes no mesmo horario (de balde).

2º curso de iniciación e 1º curso intermedio de TICS para nais e pais

Os luns de 16:30 a 17:40 o de iniciación e de 18:00 a 19:10 o de nivel intermedio. Aula de informática, segunda planta do Pavillón 2 (enriba do comedor). Inicio das clases: 18/02/13
Inscrición ate o xoves 14/02/13 inclusive. Procedemento de inscrición: cubrir e entregar (en man, local, caixón de correo comedor,...) a ficha que se distribuirá próximamente física e virtualmente. Máximo 18 prazas por curso. Mínimo 10. De non chegar ao mínimo non se levaría a cabo. O programa e o sistema de admisión para un ou outro serán publicados tamén xunto coa ficha de inscrición.

Grupo de traballo comedor

Despois da presentación do informe sobre o comedor o día 22, acordamos convocar un grupo de traballo que traballase na elaboración e presentación dun proxecto para darlle unha volta ao sistema de organización, á adecuación e reforma das instalacións e á análise dos niveis de ruído e no seu caso da súa redución educativa. Convocamos a quen queira participar a unha primeira reunión no local social da Anpa, o xoves 31 de xaneiro ás 18:00 hs. Papel e boli ou lapis, poñemos. O resto será cousa de falalo. Se pensas vir, envía un correo ou avisa por tlf, non vai ser que non caibamos.

Subvencións, recibos e fianzas

Todo xunto. Ten o seu sentido. Temos un sistema de xestión económica baseado en compartir equitativamente todos os custes entre os usuarios. Cada un paga o seu, e o que non paga un témolo que asumir todos os demais. Empezando polo final. As fianzas se pensaron como unha garantía, non como un adianto dos posibles recibos non pagos. Non se poden compensar. Están depositadas nunha conta protexida e só se sacan cando se devolven, previa petición e tendo todos os recibos ao día. Se pensamos en outro sistema, entre todos, xa sabedes onde e cando hai que formulalo.

Os recibos, a mes vencido, elabóranse cun proceso detallado, recollendo a información de uso de cada día e cada neno ou nena, e cun sistema de cálculo informatizado. Uns cuantos días de traballo colectivo. Se hai un erro nunha liquidación, se pode revisar a posterior, e no seu caso se fan devolucións ou descontos nos recibos seguintes. Pero salvo erros flagrantes, evidentes a simple vista, non se debate sobre os importes a prior. Sempre a posterior.

Por certo, cada vez son menos os casos de devolución, o cal é nos tempos nos que andamos un síntoma claro de que debemos ter clara esa idea da xestión económica compartida. E do traballo metódico e intenso da tesourería na notificación e reclamación.

E para rematar, de todas as subvencións e axudas tendes información regularmente cando á Asemblea ordinaria de fin de curso, dentro do informe económico. Calquera dúbida pódese aclarar ou dar explicacións. O que se fai con elas vai todo ao mesmo peto, ese que compartimos. E se sobra, se reparte, tal e como se fixo en algunha ocasión. Pero estes últimos dous cursos, como xa saberedes os que viñeches ás Asembleas, ademais de tardar en ser ingresadas, cubren discretamente o que nos falta para compensar gastos e ingresos. Logo non hai nada que devolver, porque xa están descontadas de feito no importe que imos pagando mes a mes. Máis información na próxima. Na próxima que? Asemblea Ordinaria, aló por abril ou maio.

Pero antes,

15 de marzo, venres.

Un pouco antes das vacacións de Semana Santa. E a data que nos puxemos como referencia para a posible convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria na que se trataría en exclusiva a reforma e aprobación no seu caso dos novos Estatutos da Asociación. E vai ser algo especial e festivo como tiñamos pensado. Onde e como? Continuará.....

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan