29/10/13
Resumo Asemblea
A Asemblea comezou, como ven sendo habitual, na 2ª convocatoria, ás 19:30 hs, despois de que os madrugadores pasaran o tempo de cháchara ou mirando de esguello un outro vídeo do noso admirado Ken e posteriormente o vídeo da Xornada de Familias do 15XÑ.
Despois das presentacións, pasamos a tratar os puntos da orde do día. A acta da sesión anterior foi aprobada. Coñecemos os datos actuais de inscricións de socios e usuarios. Cando chegamos ao punto 3, o da presentación de contas, pedimos dende a XD directiva permiso a Asemblea para adiar este punto ate despois do da folga, por atención aos invitados previstos e por cuestións de loxística informática.
Co visto bo da Asemblea, pasamos ao punto 4, repasamos o plan de acción para o curso 13/14 e aproveitando a exposición dos diversos ítems, comentamos outras cousas importantes, de actualidade e de futuro, que resumimos de seguido.
Tres dos membros da actual XD, non temos intención de continuar na xestión da Anpa nin de presentármonos a un proceso electoral. Unha vez decidamos como vai a ser este proceso e o levemos adiante, ou ben na Asemblea de fin de curso como moi tarde, deixaremos a representación. Pois ide pensando en constituír candidaturas....
A XD ten a intención de sacar a debate o proxecto de regulamento no blogue e en TRIBO, e convocar unha Asemblea Extraordinaria para tratar entre outros este punto en novembro.
A cuestión do funcionamento dos servizos, especificamente da recollida de usuarios no momento funil das 15:45 hs, levou á XD a buscar alternativas que primasen a seguridade por riba da rapidez, aínda que finalmente empezamos a estar en tempos asumibles. Isto foi posible coa colaboración de todas as familias, cuestión que motivou o agradecemento expreso que a XD fixo na Asemblea.
Pero hai outras cuestións que tamén teñen relación co funcionamento: a intención de traballar na diminución dos niveis de ruído e a aplicación de medidas de corrección de comportamentos non aceptables e as sancións correspondentes. Unha cousa non vai desligada da outra. Sobre a primeira, xa estamos traballando nun proxecto coa colaboración da coordinadora de servizos de Axiña, e sobre a segunda temos que subliñar algo importante. É imprescindible que as familias tomen conciencia da necesidade de transmitirlles as nenas e nenos, que nos servizos as monitoras son a autoridade nese ámbito. E ademais, o comedor non é un ente illado do colexio. Está integrado nel e sometido ás súas normativas, especificamente ao RRI. Un parte emitido no servizo, remítese á dirección do centro e súmase a calquera outro para a instrución de expediente disciplinario, coas posibles sancións especificadas no regulamento.
Este inicio do curso foi de moitas novidades e alteracións da rutina que as nenas e os nenos necesitan para desenvolverse con referencias. Aqueles que teñen algunha circunstancia particular vense normalmente máis afectados. O que nos toca aos adultos debera ser transmitirlles confianza e seguridade. Isto sen deixar de seguir dando a vara entre nós, de como e porque se fan as cousas.
Logo falamos da lomce. E despois das intervencións propias e das dos invitados, Antón e Tonecho, de comentar diversos aspectos do que traerá esta lei e debater sobre o sentido de seguir na rebelión contra dela, a votación levou a secundar a convocatoria e adoptar a medida do peche dos servizos ese día. Tamén de emitir un comunicado de apoio á folga.
A continuación a tesoureira presentounos información gráfica e de palabra de cal foi o resultado económico do curso 12/13, e entre todas intentamos dar respostas e explicacións ás cuestións formuladas. A votación aprobou as contas. E a conclusión é que temos as contas equilibradas e saneadas. E que hai que seguir nesta liña.
E despois, para rematar, tema uniformes escolares, tema posibilidades de cambio na xestión dos servizos, tema xustificación de recibos. O primeiro quedou en que as persoas que teñen interese en promover un uniforme escolar para o centro traballarán na elaboración dun proxecto e unha consulta ás familias, o segundo en que a propia XD considera e posiblemente formulará para a Asemblea de novembro unha proposta concreta sobre liberar dos traballos administrativos aos seus membros. A última cuestión explicouse e falouse, pero a Asemblea rematou sen chegar a unha conclusión. A día de hoxe xa é unha cuestión a que entendemos lle demos solución.
Rematamos arredor das dez e media, escoltados por membros da empresa de seguridade que controla o recinto. Cousas da programación de alarmas. Pero xa nos coñecen....
Para os que busquedes máis info, aquí no blogue hai enlaces a información e a uns cantos vídeos, os que se proxectaron e outros que nos foron chegando en relación á convocatoria de folga. Por certo, o día 24 finalmente, case houbo máis mestres que alumnado no colexio. 10 % de alumnado, 25 % dos mestres, incluídos os SSMM.
Aproveitamos. Obradoiro de corresponsabilidade. As tres sesións que quedan, serán na ludoteca de infantil, e desenvolveranse o 07/11, 14/11 e 21/11.
Para rematar, lembrade o puenting: o 31/10 e o 04/11 non hai clases neste centro.
Saúdos,
XD
Pd.: Máis vídeos, en relación coa motivación da folga.
Non recortes non...
Eu estudei na pública
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.