POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

30 de xan. de 2014

CIRCULAR 6 - 13/14

ADMISIÓN DE SOCIAS E USUARIAS

As asiduas nos medios electrónicos de comunicación estaredes ao tanto das últimas entradas en TRIBO, que a partir dun comentario que deixou de ser anónimo no blogue, aproveitamos para falar de varias cousas, entre elas a dispoñibilidade de prazas para o servizo de xantar. O análise dos datos dos 4 primeiros meses do curso levounos a adaptar a admisión ao resultado de uso real, en base á proporcionalidade de uso máis que polas inscricións. Logo SI hai prazas dispoñibles.

Pero tamén nos levou a constatar usuarias/os que non estaban inscritas/os para ese servizo en concreto. Entón insistimos. Para poder xantar no comedor, tes que estar inscrito para ese servizo. Está é a consecuencia fundamental de ter un número máximo de posibles inscricións. Senón indicaches na ficha de inscrición que precisabades de dito servizo, non estades incluídos na lista de admitidos específica. Cousa que non sucede para o resto dos servizos, excluído cambiadores, con condicións aparte.

Seguiremos facendo un control periódico dos datos para actualizar mensualmente a dispoñibilidade de prazas. E seguiremos facendo cando menos unha reunión de admisión de socias o último luns lectivo de cada mes. Febreiro, o 24, marzo tamén.


DOMICILIACIÓNS BANCARIAS

Como saberedes a partir do 1 de febreiro, o sistema para domiciliacións e transferencias unifícase a nivel europeo. Todos os números de conta antes CCC con 20 cifras pasan a ser IBAN con 24 caracteres, agrupados de 4 en 4. Isto non supón ningún cambio nos procesos de domiciliación, nin tendes que facernos chegar os novos IBANs de xeito xeral. Tampouco é preciso actualizar as domiciliacións. Pero evidentemente, calquera nova inscrición, xa estará adaptada a esta normativa.

Repasando, e especificamente para aquelas familias que se foron incorporando este curso. Todos os días, para cada servizo, o equipo de monitorado anota quen os usa na táboa electrónica. A final de mes, xuntamos os datos nunha táboa dinámica para facer os cálculos dos recibos. E a continuación gravamos todo no programa bancario de emisión de recibos. Por último emítese a remesa, nunca antes do 10 dos mes seguinte.

· Non discutimos os recibos a prior, menos se veñen devoltos. Temos que dar por válidos os datos de anotación e os cálculos xerais. E se houbera erros constatados, particulares ou colectivos, corrixense.
· Todas as remesas son a mes vencido, pagades por un uso que xa está feito. E despois de que remate o curso aínda vos chegará un último recibo.
· Para calquera recibo devolto, hai un prazo de dez días naturais para liquidalo. A consecuencia de non facelo é a expulsión do servizo e a perda da fianza.

E o fundamental. Este é un servizo autofinanciado por quen o usa, salvo a mínima axuda institucional. En consecuencia, o que non paga un o tendes que pagar entre todos os demais. Simple. Para que conste, neste curso os importes de devolucións pendentes nesta data son practicamente cero. 

CARNÉS DE FAMILIAS SOCIAS

En breve estarán a disposición, e distribuiranse a través das nenas e nenos que asisten aos servizos ou poderán recollerse no local social os días de atención. Xunto co carné, recibiredes unha copia dos Estatutos, do Regulamento Electoral e o RRI dos servizos.

CAMPAÑAS: RECOLLIDA DE TÓNERS USADOS E MÓBILES EN DESUSO
Imos colaborar coa campaña/concurso de recollida de tóners na que se inscribiu o centro. Esta campaña ten uns beneficios materiais para o centro que serán repercutidos no servizo de convivencia. Pero os tóners non son inocuos. Imós explicarllo tamén as nenas e nenos, e contamos con que vós tamén o fagades. En calquera caso non imos colocar un caixón para recoller nun espazo no que podan meter a man inadvertidamente. Se queredes traer algún para a campaña, nunha bolsa pechada, a entregar a Eva. Non valen de fotocopiadora.

E tamén queremos axudar na acción que promove Amnistía Internacional, que chegou a un acordo coa empresa Eurekamóvil, para que a reciclaxe de móbiles sexa tamén  un xesto de apoio aos dereitos humanos. Reutilízanse os terminais, recíclanse os elementos respectando o medio ambiente, redúcese a demanda de compoñentes como o coltan, un mineral que xera conflitos armados e se financian campañas para a defensa dos Dereitos Humanos.


DIVERSAS DATAS PARA LEMBRAR

Temos previsto convocar unha Asemblea Xeral Extraordinaria para o xoves 27 de febreiro, xunto antes do Entroido. Para decidir sobre como queremos que sexa a xestión administrativa dos servizos a partir de xa, presentar o inventario xeral e tomar decisións sobre que facer con algunhas cousas dese montón, e o que xurda ate entón. Antes, iremos abrindo temas en TRIBO para intercambiar opinións e ideas. Nesta Asemblea comentaremos en máis detalle a previsión de outras datas.

A Asemblea Xeral Ordinaria de fin de curso, para finais de maio, na que entre outras cousas terá lugar a elección dunha nova XD. Para o martes 27 de maio, e en función desta data presentaremos un borrador de calendario electoral á Xunta Electoral. Nesa Asemblea, teremos que tratar tamén o presuposto e aprobar as cotas dos servizos para o seguinte curso.

A Xornada de Familias, para o sábado 31 de maio.

E ÚLTIMAS NOVAS

A Xunta ingresounos xa o importe das axudas para a xestión de comedores escolares. As do curso 12/13. A convocatoria do que acabamos de recibir, foi publicada no DOGA o 5 de xullo de 2013, xa rematado o curso. Agardamos polas do 13/14.

Saúdos,

XD

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan