POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

14 de feb. de 2014

CIRCULAR INFORMATIVA 7 - 2013/14

ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA

Convocada para o xoves 27, en primeira ás 19 hs, en segunda ás 19:30 hs. Para os madrugadores, buscaremos algo que ver no entanto. Unha convocatoria sucinta. A continuación máis en detalle.

Punto 2: Externalización da xestión administrativa. Dende a anterior Asemblea, buscamos información, solicitamos datos e pedimos presupostos. Comentaremos o noso parecer como XD, máis coñecedores por necesidade da tipoloxía profesional que require a actividade, sobre cal deberá ser o enfoque e a opción para a externalización, e xa por anticipado iremos facendo indicacións e abrindo o debate en TRIBO sobre a cuestión. Pero será na Asemblea onde se decida o contido definitivo do enfoque da proposta, o proceso de contratación e as condicións básicas para a elección entre as distintas opcións. Pensando en que a nova XD que saia das próximas eleccións xa conte con este novo apoio.

Punto 3: Inventario Xeral. O que estamos facendo este días, entre outras cousas, é unha escolma do que temos apalancado no almacén. Por certo, acéptanse voluntarias/os. Algunhas cousas xa foron/irán dereitas para o punto limpo. O balor non respecta nada. O caruncho tampouco. Pero non deixamos de atopar cantidade e tamén calidade. Presentaremos un resumo simple do que temos, sen valoración económica, cousa que haberá que facer a posterior, agrupando as cousas por función ou utilidade. Con imaxes e mesmo con mostras físicas. E pediremos definición colectiva de que facer con elas.

Punto 4: Proposta de Acción Social. Algo xa comentamos cando o dos anónimos. Algo xa se tratou en Asembleas. Agora estamos a traballar co departamento de Servizos Sociais do Concello, para presentar nesta Asemblea unha proposta de protocolo de actuación que teña aplicación para os servizos que a ANPA xestiona. A necesidade de moitas familias nas circunstancias sociais que estamos a vivir poderían ser cando menos diminuídas solidariamente coa axuda da atención que poderamos ofrecer dende a Asociación. Para algúns menores podería ser simplemente ter un almorzo ou un xantar diario asegurado. Podemos? Si. Queremos?.

Punto 5: Os distintos colectivos vinculados coa defensa do Ensino Público, xa sabedes ese que se supón laico, igualitario e gratuíto, fan unha proposta para que cada ANPA solicite unha convocatoria extraordinaria do correspondente Consello Escolar, para votar unha moción de solicitude de reinstauración do programa de gratuidade de libros de texto. Pedímola? Iremos colgando diversas informacións sobre a cuestión dos libros, e sen querer eludir o que sería para nós o punto máis central a tratar, o ¿para que libros de texto?, agora mesmo entendemos que é unha pelexa necesaria a que se propón.

Punto 6: Antes de nada, explicaremos as datas previstas para o proceso electoral (borrador pendente da aprobación da Xunta Electoral), os contidos e datas para a Xornada de familias, os espazos posibles onde instalar o mural cerámico da anterior, e a posibilidade de organizar unha excursión de familias antes do remate do curso. Tamén sobre a iniciativa conxunta coa dirección para solicitar unha reforma integral das instalacións de cociña e comedor. E logo o que queirades preguntar e/ou comentar.


O CARNÉ DE FAMILIA SOCIA

Edición limitada. En moitos sentidos. Pendente de traballar no deseño da nova imaxe asociativa, que quedou adiado por cuestións máis do inmediato, fixemos un documento simple e económico, tirando do que xa tiñamos, e cunha caducidade específica. Non hai dous iguais. E non é só polos nomes dos que figurades, senón porque están feitos a man na súa parte máis substancial. Este será o documento identificador de contraste para o uso entre outras cousas, nos comercios e empresas adheridos ao convenio co CCA, xa asinado e do que proximamente coñeceredes o logo do convenio e a listaxe de adheridos. Buscaremos ampliar esta utilidade con outras entidades.

Xunto cos carnés, unha copia dos Estatutos, do Regulamento Electoral e do RRI dos servizos. Se non considerades ler ou gardar estes documentos, con volta, por favor, porque as copias quedarán xa para as novas incorporacións de familias socias. 


REMESA

Os bancos, ah! os bancos. Non lles imos botar tamén isto enriba. E ademais están colaborando todos, non si?. O que traballa para a ANPA, parece que si. Os programas de actualización de domiciliacións colectivas de recibos cambian automaticamente as numeracións antigas polos novos códigos alfanuméricos. Pero hai un problema con determinadas contas de bancos fusionados ou absorbidos. Nos temos outro ademais para todas as contas con numeración antiga que non foron renovadas nas últimas inscricións. Para eses casos, si precisaremos a colaboración individual, que vos será requirida vía mail ou teléfono. As incidencias achacables a este proceso non se terán en conta co mesmo criterio que unha devolución pura.

www.anpapontedosbrozos.org


Este é o dominio da Asociación. En breve iremos modificando os enlaces e contas de correo para adaptalos ao enderezo propio. O correo electrónico de gmail seguirá funcionando con normalidade durante o tempo que consideremos necesario, e tamén todas as funcionalidades que temos vinculadas con esa conta. O futuro, xa se verá.


Saúdos,

XD

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan