POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

1 de abr. de 2014

CIRCULAR 11 - 13/14

SORTEO XUNTA ELECTORAL

No día de onte tivo lugar o sorteo dos socios para constituir a Xunta Electoral que xestionará o proceso que imos iniciar para a renovación da XD.  As/os afortunadas/os gañadores xa se lles comunicou oficialmente. A lista de titulares e suplentes está publicada no taboleiro de anuncios. A previsión é que o día 3 xoves, teña lugar a primeira reunión deste órgano, para a revisión e no seu caso aprobación do censo electoral, o calendario electoral e para o sorteo dos membros da Mesa Electoral.

Este sorteo da inicio ao proceso electoral, segundo o regulamento do que nos dotamos Asembleariamente. Sendo a primeira vez que se realiza, facemos un chamamento especial para a colaboración no seu desenvolvemento, que entendemos será nas seguinte ocasións un proceso cuasi automatizado. O final do proceso na Asemblea de fin de curso, suporá o inicio da xestión da nova Xunta Directiva por un período de dous anos.


NOVO DOMINIO

Os que adoitades seguir o blogue veríades que figura xa co novo dominio tal e como aparece na nova cabeceira da circular. Tamén creamos un correo electrónico vinculado que a partir de agora será o oficial para todo tipo de comunicacións. Como xa indicamos anteriormente coexistirá durante un tempo co antigo gmail. Imos probar tamén un lixeiro restiling do blogue que non afectará aos contidos nin a idea de  servir de medio de comunicación dixital da Anpa. E seguiremos ampliando a funcionalidade de redes sociais, empezando por asociar a todos os correos de socios co G+ da Asociación (salvo indicación individual en contra).

ASEMBLEA

Lembramos as familias socias que o xoves, probablemente en segunda convocatoria, ás 19:30 hs iniciarase a Asemblea onde imos decidir se ceder ou non a xestión do xantar á Consellería de Educación. A asistencia rexistrarase co número de socio e acreditarase cun documento de identidade oficial. Falaremos da información que temos de como sería o cambio, das xestións que fixemos con outra entidades para estudar alternativas e dos presupostos para a xestión do resto dos servizos por separado.
Cursamos invitación para que asistan tanto ao equipo directivo do centro, como a representantes das empresas que temos contradas para os servizos, entre outros. Invitaremos tamén a os dous membros da directiva da Anpa do Ceip Novo, cos que compartimos o desprazamento e a presenza na reunión de Santiago.
Teremos un servizo de monitorado para atender aos menores entre ás 19 e as 22 hs se fose necesario.
Agardámosvos.

CONSELLO ESCOLAR

Este luns pasado houbo dous Consellos Escolares, un ordinario, onde se aprobaron entre outras cousas o presuposto xeral para este curso e a proposta de obras de mellora para o colexio. A este respecto, a XD está traballando para presentar por canles regulares unha proposta de reforma integral para as instalacións do comedor e cociña, no caso de continuar coa xestión, para a que solicitaremos, e entendemos que contaremos con ela, o apoio do propio Consello. Se hai socias e socios que desexen participar na elaboración da proposta, xa sabedes.

A nosa representante comunicou ao Consello que temos intención de convocar unha reunión co profesorado dos distintos niveis unha vez acordemos co equipo directivo o procedemento, para estudar a posibilidade de implementar unha experiencia de nivel ou ciclo para a supresión do libro de texto como eixo central do proceso educativo. Nos temos unha idea de como podería ser, pero precisamos do compromiso tanto do profesorado como das familias para desenvolvelo.

E a continuación, celebrouse o Extraordinario onde se debateu e votou a proposta que presentamos para un sistema efectivo de gratuidade e reutilización dos libros de texto.
A proposta foi aprobada tal e como se presentou.

SORTEO DE CHÁNDALES

Despois de rematado o terceiro día principal de proba e reserva de chándales, so houbo 3 talles, dúas dun modelo e outra do outro para o que temos máis peticións que unidades. Realizado o sorteo, se lle comunicará exclusivamente aos que non lles correspondeu algún dos que pediron. A partir de maña, mércores 2 de abril, podedes facer o ingreso do importe total, 5 euros por chandal, facendo indicación do número de socio, e pasar a recollelos calquera luns no horario de atención. Ou se nos pillades polo local calquera outro día. E a partir de agora, os que queiran facerse con un, vir miralo ou pedilo* por escrito, en papel ou por correo-e, facer o ingreso, traer a copia do ingreso, e recollelo. Tanto para os que aínda non collíchedes ningún como para os que querades repetir. Lista de modelos e talles dispoñible proximamente na versión dixital desta circular.

*Neste caso, agardade confirmación de existencias antes do ingreso.

CONVENIO CO CCA

Xa temos a lista inicial de tendas e empresas que se quixeron adherir ao convenio entre ambas entidades. A partir de agora a lista estará publicada no blogue, e se actualizará cando haxa algunha modificación particular ou cando haxa altas ou baixas. Lembramos que os descontos indicados pódense solicitar nas condicións especificadas, e coa identificación como membro da Anpa mediante o carné de socio xunto cun documento de identificación oficial.

EXCURSIÓN


As ofertas económicas que temos para facer unha excursión de tres días dúas noites, entendemos que sobrepasan con moito as expectativas de custes asumibles. Entón, imos estudar ofertas para dous días unha noite, pensando nun fin de semana de finais de maio. O día 11 de abril a máis tardar lanzaremos a proposta definitiva, cun prazo de preinscrición que xa incluirá unha sinal económica ate un par de días despois das vacacións de Semana Santa. Calquera suxerencia, comentario ou indicación, no tema aberto no foro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan