POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

17 de nov. de 2011

Depresión Social

Que pasa meu. Véxote mal. Non estarás deprimido?.

Fora contos. A depresión é unha doenza recoñecida, cuns síntomas característicos e un tratamento específico. E adoitamos usar este termo con trivialidade, para calquera situación na que vemos a alguén que nos parece non está ao noso nivel de enerxía vital. E especialmente cando son mulleres.

Isto, falando de doenzas, non é máis que un síntoma social de discriminación. Discriminación machista, que considera á muller un ser feble de por si que non atura a máis mínima presión, cando realmente son as mulleres as que aturan todo, e as que responden a todo social e individualmente. A maioría dos homes non soportaríamos unha xornada de traballo, chea de abusos discriminatorios habituais, empezando polas diferencias de salarios, e ademais a responsabilidade de atender ás “necesidades do fogar”. Dobre, cando non triplo xornada, e xornal menor.

Discriminación da diferencia. As doenzas mentais, a depresión o é tamén, causan un efecto de marca no individuo cara os demais, que pasa a ser diferente. E case que sempre para a sociedade, ser diferente non ben sendo mellor. Un tratamento por unha destas doenzas, sexa en réxime domiciliario ou non, pon un estigma na persoa que o ten que seguir.

Somos así!. Topicazo. Somos o que queremos ser. O que escollemos ser. En canto a como nos comportamos con nos mesmos e cos demais especificamente. Cando actuamos en conxunto, tamén. Non valen as escusas de seguir a Vicente.

Nestes dias que corren, ocorréuseme que igual estamos nunha depresión. A económica e para preocuparse se chega a instalarse. Pero eu falo de outra: Depresión social.
Coido que a sintomatoloxía está clara.

Estanse a tomar decisións de transcendencia en diversos eidos e a distintos niveis, que nos afectan e nos afectarán máis no futuro. Todas elas encamiñadas a fornecer un sistema económico baseado na idea de libre mercado, onde o poder desprázase do pobo ás macroentidades transnacionais. Un sistema que permite, fomenta e idealiza a especulación, o beneficio (ás veces impúdico) dos máis favorecidos economicamente sobre os que depende exclusivamente da súa forza de traballo. Xa sei quen perdeu a guerra fría, pero esquecemos todos as ideas sociais que xurdiron, revolucionaron e logo evolucionaron para integrarse en sistemas democráticos?.

Somos tan curtos de miras como para pensar que nós, quizais, con sorte, malo será, aínda gozaremos das avantaxes dun sistema de reciprocidade e corresponsabilidade social, e non ver que o máis probable é que os nosos fillos o lean nos libros de historia?.

Pero o máis perigoso, non é o que se ve, senón o que se escribe entre liñas. Como se define o novo orde mundial: polo mandato da economía sobre calquera outra cousa.
E isto afecta á túa nómina minguante, á túa hipoteca inesgotable, a menos horas de quirófano e listas de agarda máis longas, a falta de liquidez para as pequenas empresas, e ás reducións ou retardos en inversión no eido do Ensino, Público claro.

E volvo ao da depresión.  Hai uns meses escoiteille a alguén dicir, que non entendía como con cinco millóns de parados a xente non estaba na rúa queimando bancos (e non os dos parques precisamente). Coido que a cousa non vai por ese camiño. Os bancos se construíron, todos, cos cartos dos impositores. ti, ela, e o de máis aló. Son nosos. Todos. Eu non vou queimar algo meu. Teñen unha utilidade, unha función e ofrecen un servizo que precisamos socialmente. A cousa sería reconstruílos como entidades sociais baixo o control da cidadanía. Pero con este exemplo, como con todos os demais. A depresión caracterízase por unha perdida de capacidade para a acción, un pasar de todo o que nos parecía importante antes, dabondo importante para ocuparnos niso polas razóns que foran. E quedámonos mirando como pasa o dia, e vendo como pasan as cousas na tele.

Cando c. deixamos de considerar importante que mexen por nos?. Estamos adocenados, apafostiaos, aborregados e apalancados no sofá social. Mirando o fútbol. Aplaudindo as arroutadas duns e o feeling de outros. Que igual o merecen, pero mire usted, porque, porque, porque lles estamos a ofrecer aos nosos fillos de modelo de referencia un tio que sabe darlle patadas a un balón? Ou é porque gaña nun dia mais do que a meirande parte dos mirandas nun ano?. Non sei que será menos malo.

Igual era mellor exemplificar unha vida produtiva dunha operaria de taller clandestino en Arteixo, e explicarlles porque ten que traballar nas condicións que o fai, e como se debe abordar colectivamente unha circunstancia de explotación, e que medidas se deben tomar para poñer en coñecemento da xustiza tales comportamentos empresariais, e que os veciños, as compañeiras, os da fábrica de aluminio e os da conserveira, os pais socios e non socios do Ponte dos Brozos, están dispostos a saír á rúa para esixir que a esa muller de orixe caboverdiano lle fagan un contrato de traballo como é debido.

Ese é o tratamento antidepresivo social. Xenérico sen receita, meu. Aplicámolo?

Xainin

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan