POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

20 de nov. de 2011

EDUCACIÓN VIAL

Na vida ás veces non é doado decidir que está ben e que está mal. Xa non falemos de actuar en consecuencia asumindo os custes e as responsabilidades. Como homo-polis (como se di isto en feminino?), seres sociais, que nos relacionamos con outros por necesidade, precisamos de algúns criterios definidos de interacción que marquen liñas infranqueables. Normas croquetas, perdón concretas (falta pouco para o xantar…).
Falamos entón de Ética e Moral. Xa sei que adoitan aparecer xuntas coase sinónimas, pero non o son para unha boa parte das entendidas no tema.


Se hai un eido onde a aplicación da teoría en normas concretas é claro e non deixa dúbidas ou físgoas (case ningúnha) é no tráfico rodado. E poucas delas se discuten (en teoría). Aceptamos conducir pola dereita, aquí claro. Parar nun stop que por algo e octogonal, non circular por dirección prohibida, deterse nos pasos de cebra para deixar pasar aos peóns, aparcar só onde está permitido,….

Vale, xa me pilláchedes, esta última foi moi evidente. Segundo iamos avanzando na lista, subíamos a porcentaxe de incumpridores. Pero aínda así, salvo excepcións etilicomacarrónicas, todas sabemos cando estamos incumprindo a norma.

Entón porque, porque, porque (repítome) seguimos saltándonos ao chou as normas comúns. Dis que os homes nisto de conducir son máis subxectivos que as mulleres.
Interpretan as normas en función de como lles convén. E iso si, poñen a caer dun burro ao que non pon o intermitente media hora antes de facer un cambio de dirección. A palla no ollo alleo. Especialmente as aseguradoras valoran moi positivamente esta actitude ácrata na condución, va que si?

Pero, isto que ten que ver coa educación? Muller, aparte do repetido “todo ten que ver”, ofrécenos oportunidades únicas para revisar as condutas propias, entender de onde xorden e que manifestan, e sobre todo que transmiten aos nosos concidadáns adultos e especialmente non adultos.

Como lle dis á pequena que ten que cruzar a rúa polo paso de cebra, se atravesas con ela por onde che peta ou senón paras cando alguén vai cruzar?. Pídelle á nena que non berre coas amigas nas pistas, e cúspelle o primeiro que che se ocorra na fiestra do coche que non che deixou incorporarte ao carril na rotonda. Igual que el non te escoita ti non oes como sorrí por baixo do que goza facéndote rabiar….
Reclama a proliferación de paradas e frecuencias de transporte público e vai buscar o xornal o domingo pola maña (petao de tráfico, meu) a librería da outra maza no teu propio “Masserati”. Aproveita para espertar aos que aínda dormen quentando un pouquiño o motor antes de arrincar a todo jas.

Que expresan estes comportamentos? – e o que estea ceibe de pecado que tire a primeira pedra, eu non vou ser- Básicamente falta de sentido social, de saber asumir que o que é de todos hai que coidalo como se fora da nosa exclusiva propiedade entre todos. Falta de solidariedade, que non ven ser outra cousa que ser capaces de pensar e sentir en como lles afecta aos demais o que facemos ou deixamos de facer e actuar en consecuencia. Profundo culto do individualismo pechado e enfrontado aos outros, en detrimento da individualidade, o orgullo de ser un mesmo, que nos conduce a entregarse e integrarse libremente á relación social.

Invitámosvos a buscar e aportar máis exemplos como os que agora ides ver.

Estou mirando o sinal de prohibido de preto, é que non se ve ben….



Predicando co exemplo                                                    Non veñas, non hai cartos para emprestar


-Voume parar aquí non vaia ser que me quiten os dous sitios, di a fregoneta.
-Muller, se foras amoto non tiñas ese problema. Métome por calquera sitio.


Dende logo mira que teñen abandonado isto.
Anda que non está desgastado o bordo da beirarrúa!


Aquí si que viña ben unha rampliña para subir á praza de aparcadoiro


Mira ti as raias que me pintaron debaixo do coche mentres ía facer os recados


  • Acceso a residentes, tradúcese en pode pasar calquera que lle pete. Republicanamente, residentes somos todos…. 
  • Sinal de dirección prohibida: é para os turistas, eu sei cando ven un camión no outro sentido, e senón que se aparten. 
  • Espazo reservado para transporte público, carga e descarga, minusválidos. Só vou parar un momentiño, a botar a primitiva, tomar un caféíño, facer a compra diaria, semanal, botar a partida,...  total aquí nunca para ninguén excepto eu (¡!). 
  • Vaia perda de espazo para aparcar. Para na esquina, podes subir á beirarrúa pola rampla esa, que mentres imos facer os recados non a vir ningún minusválido, carriño de neno, repartidor co furgón ben aparcado, as vellas con andador, o calzonazos/mariposo co carriño da compra que ven todos os dias mentres a súa muller traballa, … que a precise. 
  • Mira que son parvos, alí agardando a cola para saír polo sitio indicado e acceder á estrada correctamente, podendo tirar pasando por diante deste sinal circular vermello cunha franxa branca no medio, que  non sei para que está posta aí.


Cal é a proposta educativa? Inducir á reflexión, ao autoanálise, ao recoñecemento, e á modificación de comportamentos. Nada de moralinas. Porque como dixemos máis arriba, o que este libre de pecado….

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan