POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

7 de maio de 2012

FALAMOS DE EDUCACIÓN


Este martes 8 de maio florido, ventoso e pasado por auga, a mesma hora de sempre, ímonos xuntar de novo para falar de educación, uns poucos pais e unhas cantas nais. Falaremos principalmente de pautas para mellorar a atención. E vai ser a última destas charlas en este curso. Aproveitaremos entre outras cousas, para agradecer de novo a colaboración desinteresada do Mestre Maior, Jose Luis González, co que agardamos poder seguir traballando no próximo. E entón páramos de escribir un momento, e pensamos en que ven sendo iso de "colaboración desinteresada". Será que o fai por que lle da igual, ou que non ten outra cousa mellor que facer, mesmo por facerse de notar,.... ou igual ben sendo que realmente ten interese (quizais chega a ser necesidade) de seguir promovendo o pensamento dun proceso que chamamos educación permanente e colectiva. Porque non todo se mide en cartos.

Nós compartimos con el a idea de que a educación pode cambiar o mundo, e conscientes de que o mundo somos todos, temos que estar dispostos a cambiar nós mesmos. Porque hai algo que mudar, ou non hai?. Se non é así, sigamos por onde imos. Pero se individual e colectivamente pensamos que temos moito que mellorar, non hai outro camiño que comezar a traballar pola base, para que o futuro poida estar en mans dos que agora son os nosos fillos e fillas, e teñan as ferramentas persoais necesarias para construír o mundo co que nos nin nos atrevemos a soñar.

A todos os que estivéchedes, unha aperta.
Aos que non, seguiremos invitándovos.
Grazas.
XD.

Xuntamos o último texto que Jose Luis compartiu con nós en TRIBO.



E o saber estar... onde está? 
A semana pasada, coas nais e os pais de Arteixo das nosas reunións para Falar de Educación, saía o tema de saber estar e ocupar os espazos. 
As boas maneiras refírense ao correcto comportamento que deben presentar as persoas en canto ao uso axeitado das formas de estar con outras e saber respectalas en todos aqueles momentos e espazos de confluencia para facilitar unha agradable convivencia. O desfrute dos espazos comúns privados e públicos leva consigo, ademais, a utilización axeitada do mobiliario, do equipamento e dos edificativos que as albergan. O coidado na estanza con animais, nos lugares públicos e privados nos que nos encontramos as persoas, ha de atenderse de xeito preciso xa que existen motivos diferentes que poden perturbar a coexistencia.
Ser ben educado supón, pois, ter en consideración un comportamento cívico, civilizado que permita estar coas outras persoas conforme a unhas normas comúns que teñan, como fin, o respecto, o recoñecemento entre os semellantes de calquera idade, sexo, nacionalidade, crenza... e o trato exquisito que lles corresponde, tanto na súa privacidade coma na súa vertente pública como ser social e concorrente naqueles espazos de encontro de costume ou naqueles indefinidos ata os que podemos chegar coa nosa presenza.
A excelencia é unha calidade imprescindible e que hai que inculcala, dende as primeiras idades, para que se converta nun hábito, en algo interiorizado que nos faga actuar conforme á busca dun progreso humanístico que, dende o punto de vista das relacións sociais, significa a virtude de saber convivir.
A convivencia pasa, ineludiblemente, polo feito de non violentar aos semellantes. Todo aquilo que poida mellorar a existencia en común debería ser obxecto de concienciación e perfeccionamento continuo. E tales habilidades non forman parte do equipo de supervivencia co que nacemos. A educación é, de novo, o bálsamo de Fierabrás que pode dotarnos do ingrediente de saber estar, das boas formas e o respecto mutuo. 
A infancia e a xuventude actuais non teñen o castigo de ser o que son cando non saben convivir ou saber estar con outros ou en determinados espazos: na súa propia vivenda, na aula de clase, no patio de recreo, no parque, nunha cafetería, nun restaurante... Son vítimas, na maioría dos casos, dunha omisión promovida polos que teñen deber de dotalos dun hábito ou destreza que se consegue coa repetición continua: a familia, a escola e as persoas que pertencen á súa veciñanza próxima, porque as persoas que vivimos a cotío con eles, temos, tamén, o deber de correxilos, de maneira controlada e razoada, diante de condutas que pertuben a convivencia. A boa educación é cousa de todos aínda que a familia, en primeiro lugar, a institución escolar, en segundo lugar, e a sociedade, en xeral, somos corresponsables da formación para a convivencia.

Jose Luis González 


2 comentarios:

  1. vai a haber alguen que se poda quedar cos nenos?
    Grazas

    ResponderEliminar
  2. Contestando ao anterior comentario. Como todos os días que fixemos as charlas, os/as nenos/as dos/as asistentes poden quedar nas instalacións do comedor ao cuidado do persoal do servizo, facendo os deberes, tomando a merenda que leven da casa, xogando, inventando cousas,.....
    Saúdos

    ResponderEliminar

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan

Síguenos por correo-e