POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

13 de dec. de 2012

MANIFESTO 13D


MANIFESTO

Despois da presentación na Conferencia Sectorial da Educación do terceiro documento sobre a nova reforma educativa (LOMCE), a Plataforma en Defensa do Ensino Público, manifesta o seu rexeitamento ao mesmo. Non podemos tolerar que o Ministerio continúe falando “de consenso” coa comunidade educativa cando é totalmente falso, non existiu ningún tipo de diálogo, é máis, o Conselleiro de Educación de Galicia non deu a coñecer as propostas que ía presentar na devandita Conferencia sobre esta lei, nin deixou que nós lle fixésemos chegar as nosas.

Nesta última proposta o Ministerio maquilla a exposición de motivos do anteproxecto citando a equidade e a función de cohesión e integración que debe presidir a tarefa educativa así como o carácter que debe ter a educación como formadora de persoas autónomas con pensamento propio, no anterior
contemplaba exclusivamente á educación como un ben ao servizo do sistema produtivo, e consideraba que a calidade do sistema se medía polos resultados dos alumnos. Sen embargo, esta redacción non é coherente co articulado posterior, que non modifica, senón que empeora notablemente, e serve
unicamente como pretexto para acalar as críticas vertidas a unha primeira versión dunha lei que vulneraba de maneira aberta o principio de igualdade de oportunidades.

Mantéñense aspectos do anterior borrador respecto dunha ESO segregadora, deprecia a FP, introduce un modelo de avaliación como carreira de obstáculos, implanta a autonomía da competitividade, dá un salto atrás na xestión democrática dos centros educativos, aposta pola escola segregadora e retrocede na educación en valores.

Así mesmo, no borrador da lei a estrutura do sistema sofre importantes cambios non só en canto á duración e composición das etapas, senón en canto á división que fai das materias ao dividilas en troncais, específicas e de especialidade desde a Educación Primaria ata os ensinos postobligatorios. A
plataforma en defensa do Ensino Público entende que non existen categorías nas materias curriculares e que todas deben ter o mesmo tratamento para conseguir unha educación integral do alumnado que lle permita formarse como persoas responsables, críticas e con capacidade de participación na sociedade.

Ademais o Ministerio cede ás presións de determinados sectores e recolle as súas propostas partidistas, como a aparición dunha materia alternativa á Relixión e, no que respecta á programación da rede de centros, introducindo a demanda social como un elemento básico para a súa confección, o que engade
un elemento distorsionador que pode conculcar o dereito á educación en determinadas zonas e esconde un afán privatizador en si mesmo.

Centrar o debate deste anteproxecto no ensino do galego ou na introdución dunha materia alternativa á Relixión, confirma o seu profundo transfundo ideolóxico e o nulo consenso ao que se fai mención. Pola contra omítense aspectos como a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade, a atención individualizada do alumnado, a baixada de rateos ou de horas lectivas do profesorado, que influirían realmente nas taxas de abandono e fracaso escolar.

Esta Lei que so pode cualificarse como sexista ao permitir os concertos a centros que segregan por sexo; clasista, por aludir a un concepto perigoso como o de talento para diferenciar ao alumnado; segregadora, por fomentar a separación temperá do alumnado en compartimentos estancos de difícil retorno ao sistema; centralizadora, pois recorta as competencias das comunidades autónomas; privatizadora, pois baixo a mascara do dereito de elección abre as portas a privatización do ensino público en todas as etapas; mercantilista, pois está ao servizo da empresa buscando a creación de mano de obra barata e autoritaria, pois pretendese impor a toda costa, sen buscar o consenso que debe ter unha lei deste calado.

Estamos ante un anteproxecto que conta co rexeitamento de todas as organizacións sindicais, Confederacións de pais e nais da escola pública e de todas as forzas políticas agás o PP. So e apoiada pola Conferencia Episcopal, a patronal da privada e as ANPAS de centros privados. So con estes apoios queda xa definida a Lei.

As organizacións que formamos esta Plataforma esiximos a retirada deste anteproxecto de Lei e anunciamos mobilizacións de seguir adiante con el. Non imos consentir un retroceso de máis de tres décadas nun sistema educativo que custou moito esforzo construír.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan