POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

2 de maio de 2013

CIRCULAR INFORMATIVA 7 - 12/13


Convocatoria de Asemblea Xeral Extraordinaria

29/04/13

A Xunta Directiva da Asociación, en reunión ordinaria celebrada no día de hoxe, tomou a decisión de convocar a socias e socios a unha Asemblea Xeral Extraordinaria o luns 6 de maio de 2013, no Colexio, coa seguinte orde do día:
  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Toma de postura encol a convocatoria de folga no ensino para o día 9 de maio.
  3. Reestruturación da Xunta Directiva. Solicitude de incorporación de novos membros.
A Asemblea desenvolverase no espazo de actividades a carón do comedor escolar, sendo a entrada polo portalón azul de recollida dos nenos e nenas. A hora de celebración será ás 19:30 hs en primeira convocatoria, e ás 20:00 horas en segunda. Será requirida identificación.

Toma de postura encol a convocatoria de folga o 9 de maio

Dende a XD consideramos que é imprescindible que sexa a Asemblea quen se defina en relación a esta cuestión. Non é unha decisión que podamos tomar pola nosa conta.

Ao ser unha folga restrinxida ao eido educativo, as nais e os pais traballadores o teñen moi difícil para participar activamente nela. Pero haberá outras moitas cousas que se poidan facer, se compartimos a idea da convocatoria, por separado ou xunto ao profesorado.


Intentaremos durante os próximos días achegar información, no blog e en papel, sobre esta convocatoria, apoiada por practicamente todas as organizacións do sector, e sobre a súa principal razón de ser: a oposición frontal á Lomce.

Atentos.



Reestruturación da XD. Incorporación de novos membros.
Despois da renuncia efectiva do xa ex-presidente Camilo e a anterior do vocal Manuel, consideramos que sería bo incorporar novos membros a esta XD, que puideran comezar a traballar con nós para a xestión da Asociación. Agora mesmo, a vicepresidenta Ángeles, asume estatutariamente (art. 16) as funcións da presidencia, e o resto dos cargos continuamos nas nosas responsabilidades. Como veredes ou leredes na carta de despedida de Camilo, non comemos a ninguén. Se considerades que compartides con nós a forma de levar a Asociación que levamos amosando neste tempo e dispoñedes dun pouco del, tendes as portas abertas para un grupo onde a información se comparte en tempo real, as decisións se toman colectivamente e o traballo se reparte en función da dispoñibilidade de cada un/unha. E ademais aprendemos cousas (ou as repasamos): respecto, empatía, asertividade, compromiso,.... Vale si, algunhas prácticas tamén: deseño, manexo de bases de datos, contabilidade simple, arquivería, xestión de grupos,...

PREVISIÓNS E NOVAS DE ACTUALIDADE

Temos data para a Asemblea Ordinaria, que será o 23 de maio. Chegará a convocatoria en tempo e forma. Tamén para a Xornada de Familias e a Asemblea Xeral Extraordinaria de Reforma de Estatutos, desta vez vai, o 15 de xuño, sábado.

Na ordinaria, aparte do típico, presentación de contas, informes, proxectos,... pois igual podemos falar algo de como está o tema comedores escolares na Comunidade Autónoma despois do proxecto de modificación da normativa ou de como estarán en concreto en Arteixo, co plan de axudas deseñado polo Concello. En función de como avancen e se desenvolvan estas dúas cuestións, pensaremos en e falaremos de, como vai ser o sistema de inscrición e o tratamento dos recibos non pagos para o próximo curso.

E acaba de chegar a convocatoria para unha actividade de promoción do baloncesto que o Concello organiza en colaboración co Clube Básquet Coruña. Aquí tendes a información que nos remitiron e a folla de inscrición. Nós comprometémonos a colaborar na facilitación dos accesos ao recinto escolar e por suposto na difusión da actividade entre socias e socios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan