POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

14 de xuño de 2011

Movemento 15M

A Asemblea de Indignados de Arteixo, convocada para o venres 10 no anfiteatro aberto do paseo fluvial, a carón do Centro Cívico, para as 20:30 hs comezou cunhas 20 persoas sentadas en círculo no chan.

O sábado 11, rondando as 12 do mediodía, uns cuantos metros máis aló, no auditorio do Centro Cívico, os concelleiros elexidos no último proceso de votacións partitocráticas, iniciaron o seu traballo como representantes do pobo. Deséxolles intensamente que teñan sentidiño e espíritu dabondo para desenvolver a representación que lles demos todos.

E sen querer pre-enxuizar o que estes últimos farán de agora en diante, teño que decir, na miña modesta opinión, que nin por asomo chegarán nunca a expresar o que significa a idea da democracia como fixeron os 20, que asiña foron 50, que se puxeron a falar abertamente do humano e o divino, nesa incipiente noite ártabra.

Cando se decataron, os 20 iniciais atopáronse intercambiando opinións e pensamentos con maduros e vellos, nacionais e foráneos, traballadores e/ou pensadores, amos de casa e executivas, parados e futuros parados…. Non había diferencias xeneracionais, de raza, sexo ou calquera outro tipo, incluso nas máis reiteradas e enrabechadas discusións de sempre últimamente, que non se pudieran superar coa palabra e a busca de algo en común.
Vontade de querer entenderse.

Para un vello coma mín, maduro dirán algúns, no que a requerir a participación cidadá se refire, dende os lonxanos tempos do instituto de Elviña e a sempre inamovible selectividade, ata os momentos actuais plantexando a mesma esixencia aos meus coetáneos en funcións vitais de proxenie, estar ali sentado escoitando e aplaudindo ás veces (non me consideraba con dereito a máis), supuxo unha sensación dual. Como case que todo.

Dunha banda a ledicia de atopar que hai algo máis que a xeneración nini, e que hai xente que segué sen ser conservadora cos anos. Apúntome ao de alterar, sobre todo as conciencias, ao de ser impenitente e impertinente cos medios de comunicación de masas, ao de reclamar transparencia, ao de facer circular a información, ao de esixir responsabilidades, ao de esixir máis participación directa na toma de decisións, a defender o galego, que é aquí neste país a mellor expresión da multiculturalidade fronte á doctrina monoteísta do neoliberalismo, a limpar o rio se é preciso, e támen a esixir que o limpe que ten que facelo, pagando cos nosos cartos compartidos, á banca ética (sona raro, verdade?),…. e a pedir prestado un megáfono tamén.

Doutra, a tristura de volver a ter que repetir a loita polas mesmas cuestións, máis ou menos modernizadas que plantexabamos 25 ou 30 anos atrás. Máis lonxe aínda, que pensarían disto os vellos republicanos?. Que non sei se será mellor unha cousa que outra, quizais mellor ser cidadán que súbdito, como lle decía fai pouco unha rapaza en Navarra ao príncipe de Asturias, aínda que metafóricamente falando sexa o chiculate do loro. Pero descubrir, non, descubrir non, recoñecer (abrir os ollos de mirar e as orellas de escoitar) que nos deixamos levar pola bonanza e a vida cotián, doe, un pouquiño máis do que pensaba.

Todo moi bonito, verdade. Onde está o pero?. Este que escribe ata ese momento seguidor virtual do movemento 15M, manías que temos de etiquetar, só aprecia un, pero quizais poida ser o talón de xa sabedes. Ser quen de pasar do centro do universo (mediático alternativo tamén) do Km 0 (grande Ismael), á parroquia de Lañas por dar un exemplo con praza e cruceiro. Ás parroquias de Lañas todas do pais enteiro. Grande Reto. E sementar en todas elas a idea da que se está a falar, e coidar a árbore ata que medre por abaixo, para que floreza por arriba.

De que se está a falar neste movemento que agora parece que si quere tomar o camiño de viaxar ás parroquias do Estado?. Benvidos, a todo isto, aínda que xa estabades aquí. Fálase de responsabilidade social. De compromiso colectivo. De democracia real, ben escollido o nome. E por iso se esixe, por que hai  responsabilidade. Por iso se fan cousas, porque hai compromiso. Por iso se decide, porque hai democracia.
Pero tamén se fala de ética, porque se aborda o que sucede no mundo como algo do que todos colectiva e individualmente somos responsables, e xa que logo de filosofía, pensamento, ideoloxía, e falando disto todo chega ao fundamental, á base: qué educación queremos. Qué queremos transmitir e fomentar nos nosos fillos, dende a teta ata ó infinito.

Queremos…

Vémonos o 18XÑ.

Xainín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan