POLÍTICA DE PRIVACIDADE

IMAXE

16 de dec. de 2011

MARTES, DEZ DE XANEIRO DE DOUS MIL DOCE

Unha matrona desas que ademais de atender partos, levan unha consulta, fan clases de preparación, organizan grupos de lactancia, e son a confesora que buscas cando o necesitas como nai, díxome un dia que chegara á conclusión de que moitas parellas tiñan fillos por compromiso, social se entende. Porque era o que tiña que ser nun orde ben establecido. Apuntaba a algo máis relativo a modas e inserción laboral axeitada. Eu non podía aceptar unha idea así, quizais porque nas miñas circunstancias persoais a paternidade sempre foi mutante en algún sentido.
Pero comecei a analizar o meu entorno, aquí e aló, e por onde miraba albiscaba rastros do que que aquela experimentada muller me dixera.

Dende a miña posición persoal e dende a representativa que exerzo nesta Asociación como secretario, cada dia intento negar a maior. Pero, outra vez –sempre hai un pero- desespero. Porque sen ter en conta o que vexo na miña vida persoal, no colectivo sigo sen entender a aparente apatía xeral no eido educativo dos que estamos inmersos nel por razóns obvias.

Ningunha iniciativa ten case repercusión, nin se amosa maior interese, salvo como me comentaba hai uns dias unha colega de outra asociación, no caso de que haxa pincho. As Asembleas de socios seguen sendo absolutamente minoritarias, e case sempre son as mesmas caras (grazas), deste lao evidentemente e do outro tamén. Son consciente plenamente da condición especial da nosa estrutura asociativa. En prata: temos 216 socios porque estades obrigados á cota para usar os servizos de conciliación.
Pero aínda sendo así, igual con máis razóns, debería estar o salón cheo para comentar cousas e asegurarse de que pagamos uns cartos ben pagados. Igual é que non estamos facendo propostas interesantes, se podería pensar. Pero claro, cando ves que incluso nas propostas que saen dos propios socios por necesidades concretas, non hai máis que pecado de pensamento, que é venial. Falta o mortal de necesidade.

Esta directiva na que me integrei despois das últimas experiencias pasadas, traballa (arreo e de balde) cun concepto central: compartir ideas, decisións e traballos. Calquera de nos, dos cinco que continuamos, sería quen de asumir o control da Asociación individualmente. Seguro que nalgún momento ou nalgún sitio se fixo ou se fai así. Pero isto define a Asociación, e xa que logo o concepto que temos da sociedade na que vivimos, e substancialmente o de Educación. Participación, espírito crítico, capacidade e disposición permanente de aprender, comunicación por todos os poros, reivindicación, creatividade, resposta emocional, compromiso....

Historicamente, simplificando, a labor educativa trasladouse da tribo no seu conxunto, vinculado o traslado á estruturación do traballo especializado e á agrupación en comunidades cada vez máis amplas, primeiro aos gremios e logo a unha institución unificadora. Como colectivo nos liberamos de ter que ensinar aos nosos descendentes. E devagar tamén renunciamos a educalos, e nos fomos arredando de compartir os obxectivos e finalidades do ensino institucionalizado. E agora buscamos en moitos casos Naninizar as relacións cos nosos fillos e fillas. Solucións en receita xenérica e mediática. Cando a resposta a boa parte dos conflitos individuais está nunha intervención colectiva. Recuperar o sentido de aprendizaxe vital que compartiamos nas sociedades menos desenvolvidas, pero aproveitando os medios, os humanos fundamentalmente, que as institucións educativas nos ofrecen.Volver a ensinar entre todos asumindo que cada cousa que fas ou deixas de facer é un acto educativo. Así definimos dende o noso punto de vista o concepto de Comunidade Educativa. Por definición abarca todo na vida. Por definición debe ocuparnos a todos.

Convocamos unha primeira xuntanza da comisión denominada Comunidade Educativa para o martes 10 de xaneiro de 2012, ás 18 hs, no local da Anpa.

Se compartes a nosa forma de ver este proceso creador do que somos partícipes en cada un dos nenos e nenas cos que nos cruzamos na vida, e de todos os adultos que aínda somos capaces e queremos aprender ata o punto final, agora, non maña, agora cando remates de ler, ponte en contacto e apúntate para participar na elaboración do proxecto, definición de actividades, organización e reparto do traballo.
Esta é a idea. 

Por certo, a matrona, segue a dar clases, organizar grupos de lactancia, abrir o confesionario,..... e segue axudando a iniciar a educación das (cada vez menos) crianças que imos traendo ao mundo mundial. Segue aprendendo.

2 comentarios:

  1. Hola
    Falas de apuntarse.¿Hai algún nº de telf. ou sitio específico para facelo?
    Un saúdo,
    Ángeles

    ResponderEliminar
  2. Ola Angeles,
    Tes a túa disposición o móbil e o correo electrónico da asociación para isto como para calquera outra cousa.
    Iso si, seria recomendable, xa mais en privado, facilitar algún dato mais de quen e o que se apunta.
    Aproveito a ocasión que me brindas para recomendar a tutti li mondi a lectura do tutoríal para facer comentarios neste mesmo blog.
    Contamos contigo.
    Grazas e Bo Nadal.
    Heriberto

    ResponderEliminar

Comentarios
_____________________________________________________
NON contestamos comentarios anónimos. Se queres preguntar algo concreto, faino por correo electrónico a anpapontedosbrozos@gmail.com
_____________________________________________________
A Asociación non se fai responsable de comentarios alleos aos editores e administradores do blog.

Ai don anderstan